Tuesday 14 de May de 2024

As concellarías de Servizos Sociais e Mocidade poñen en marcha un campus urbano para adolescentes de 12 a 16 anos


As familias interesadas poden realizar xa a inscrición enviando un correo electrónico cos datos dos/as rapaces/as a info@totemgestion.com

O Concello de Carballo, a través das áreas de Servizos Sociais e Mocidade, organiza o primeiro campus urbano para adolescentes de 12 a 16 anos. Esta experiencia piloto, que se desenvolverá a semana que vén no mercado municipal, ten como finalidade favorecer a conciliación das familias con fillos e fillas desas idades, que xa non teñen cabida nos campamentos infantís de verán que organizan diferentes entidades, e, en función dos resultados acadados, incluílos de cara a vindeiros anos na nosa oferta de actividades estivais.

O campus será gratuíto e desenvolverase na planta alta do mercado municipal, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00. Os/as participantes deben estar empadroados no noso concello. Nesta primeira edición temos 20 prazas dispoñibles, que se cubrirán por orde de inscrición. As familias interesadas deben enviar os datos do/a neno/a a info@totemgestion.com (nome e apelidos, idade e enderezo) antes do sábado 8 de xullo.

As actividades do campamento serán variadas, coa premisa de fomentar valores como o compañeirismo e o respecto, así como destrezas e habilidades que contribúan a fomentar o desenvolvemento integral dos/as participantes. Deste xeito, o luns será o día da creatividade; o martes, o día da maxia, cun obradoiro dirixido polo mago Kiko Pastur; o mércores, o dia do xogo popular e xigante; o xoves, o día olímpico, con xogos cooperativos por equipos, e o venres será a xornada de clausura cun festival no que haberá música, coctelería sen alcohol, glitter bar e festa da espuma. Os/as participantes estarán acompañados por dous monitores con experiencia.